O próximo mércores celebramos o día das letras galegas, que este ano está adicado ao escritor ourensán Carlos Casares. Por iso dende fai uns días temos na entrada do noso centro "O Recuncho de Carlos Casares", onde podedes ver os libros de Carlos Casares que temos dispoñibles na nosa biblioteca.
Ademais, dende a Secretaría Xeral de Política Lingüística enviáronos a unidade didáctica "Carlos Casares Mouriño, o coleccionista de historias", realizada polo IES Carlos Casares de Vigo (Pontevedra). Coa difusión deste traballo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística pretende afondar no coñecemento do autor homenaxeado, Carlos Casares Mouriño, e de achegar a súa obra ao alumnado a través de materiais didácticos novós e orixinais.
Esta unidade didáctica queda a disposición de todo aquel que queira lela ou utilizala, está na porta da biblioteca.
E tamén, dende a mesma Secretaría Xeral, enviaron os carteis que podedes atotar pegados polas paredes do noso centro, nos que se relatan aspectos da vida e obra de Carlos Casares Mouriño. Son dez e están numerados do 1 ao 10. ¡Rétovos a que os atopedes todos!
Ao primeiro que me traia as fotos dos dez cartéis no móbil dareille un regaliño, ¡ven por el á biblioteca!
Tamén recibimos un marcapáxinas de Carlos Casares no que se recollen todas as súas Obras:
Todas estas cousas forman o material editado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística co gallo do Día das Letras Galegas 2017. Esta iniciativa responde ao seu desexo de dar a coñecer a figura e a obra de Carlos Casares Mouriño e analizar, xa con certa perspectiva histórica, unha época de transcendental importancia no proceso de normalización lingüística e especialmente fecunda en manifestacións culturáis na nosa lingua.
Esperamos que este material resulte de interese tanto ao alumnado como ao profesorado do noso centro, e que a súa difusión sirva para fornecer actividades que propicien a dinamización do idioma dun xeito transversal, dinámico e innovador.
Ningún comentario:
Publicar un comentario